O Quintette Aquilon é na actualidade o quinteto de vento máis importante da nova xeración europea. En 2006 foi o primeiro quinteto francés en gañar o Primeiro Premio do Concurso Internacional da ARD de Múnic (o máis importante do mundo para esta formación), ademais de senlleiras vitorias no Concurso de Paris (Fnapec 2005) e no Concurso Internacional Henri Tomasi.
No 2008 o quinteto foi nomeado "Rising Star ECHO" en representación da Cité de la Musique de Paris, e presentouse nas mellores salas de Europa: Concertgebouw Amsterdam, Town Hall de Birmingham, Palais des Beaux Arts de Bruxelas, Philharmonie Köln, Konzerthaus Wien, Philharmonie de Luxemburgo, Laeiszhalle Hamburg, etc. Nese ano sacan ao mercado o seu primeiro disco no selo Premiers Horizons- AJPR, con música francesa para quinteto de vento.
O quinteto fúndase en 2004, cando obtén o Premio da cátedra de David Walter e Michel Moraguès no Conservatorio Nacional Superior de Música de Paris. Seguirán estudos con personalidades musicais de primeira fila como Stefan Schilli (Avalon Bläserquintett), Laurent Lefèvre (Quintette Debussy), Jens MacManama (Quintette Nielsen), Jacques Tys e, moi notablemente, Maurice Bourgue (dentro do programa do ProQuartet-CEMC).
O quinteto presenta programacións moi variadas, pero ten un compromiso firme coa divulgación do repertorio máis esquecido para quinteto de ventos. En ocasións, amplía a súa formación a septeto ou noneto e tamén colabora con pianistas de sona internacional como Christian Ivaldi, Abdel Rahman El Bacha, Anika Vavic, Anna Gourari, Denys Proshayev e Adam Laloum ou os quartetos Ebène, Stamic e Fauré.
O Quintette Aquilon é convidado frecuente dos mellores festivais e salas de Europa coma Les Folles Journées de Nantes, Théâtre de Verdun, l'Orangerie de Sceaux, Festival Jeunes Talents, Les Invalides Paris, Mozarteum Salzburg, ORF Graz, Rheingau, Oleg Kagan, Mecklenburg-Vorpommern, MDR-Musiksommer, SWR-Schloßkonzert. Recentemente fixo unha xira por Siria, Israel e Palestina.
O grupo é laureado polo programa francés Déclic (que promove no estranxeiro artistas franceses laureados en concursos internacionais) e do Festival Mecklenburg-Vorpommern, co premio ao mellor ensemble do 2007 outorgado pola Fundación Nordmetall.
Desde setembro do 2008 é ensemble residente na Fundación Singer-Polignac.