Nesta terceira edición de Sen Batuta volvemos a repetir o concurso da segunda edición do ciclo de cámara SENBATUTA, ciclo que, ao igual que os anos anteriores, se celebra no Instituto Otero Pedrayo, coa excepción do concerto de percusión do grupo Odaiko que terá lugar no Auditorio da cidade. Como no ano anterior, queremos que vós e os vosos centros de ensino participedes no proxecto, asistindo ás charlas e concertos e respondendo as preguntas da páxina web. Así poderemos ir coñecendo xuntos os diferentes tipos DE MÚSICA DE CÁMARA, 2011-2012 e os distintos estilos musicais, introducíndonos neste xénero musical e premiando o voso interese, o do público mozo. No concurso poderá participar o alumnado de secundaria, bacharelato, escolas de música e conservatorios.
Haberá dous tipos de concursos e varias categorías de premios dependendo da vosa participación. Por suposto podedes tomar parte nos dous. As bases estarán colgadas na rede, na páxina do ciclo, www.senbatuta.com, que son as que explicamos aquí:
O primeiro concurso premiará a vosa asistencia, da seguinte maneira:
1º Por asistir ás charlas previas ao concerto, onde poderedes coñecer os artistas, as obras que interpretan e a súa traxectoria profesional. Comezan ás sete e media e prolóngase ata as oito e cuarto.
2º Por asistir polo menos á metade dos concertos como espectador, cunha actitude silenciosa e respectuosa cara ao traballo que están a realizar os intérpretes.
Antes de entrar na sala para a charla ou o concerto entregarásevos unha tarxeta a cada un, onde escribiredes os vosos datos persoais, tarxeta que deberedes entregar ao finalizar o coloquio ou no descanso da audición aos responsables do ciclo, que levan unha camiseta co logo de Sen Batuta. Cada tarxeta ten un número co que participarás no sorteo que terá lugar ao rematar ciclo. Haberá unha tarxeta pola charla e outra polo concerto, de forma que se asistides ás dúas citas teredes dúas tarxetas, e, polo tanto, máis posibilidades de gañar. Os premios aos que podes optar no sorteo serán:
Un primeiro premio, un “Ipod Touch” de 8 xigas.
Un segundo premio, un “Ipod Nano” de 8 xigas.
Un terceiro, un “Ipod Schuffle” de 4 xigas.
O segundo tipo de concurso consiste en contestar as preguntas das unidades didácticas de cada concerto que estarán colgadas na páxina do ciclo (www.senbatuta.com) no apartado de “Concurso”. Tamén hai un apartado chamado “Unidade didáctica”, coa información do concerto correspondente e as respostas a algunhas das preguntas do concurso. Os premios deste apartado serán Tres tarxetas regalo de iTunes por valor de 25 € cada unha.