Centrado nos irmáns Pablo, Daniel e Aarón Zapico, e dirixidos por este último, Forma Antiqva é un conxunto de música barroca de formación variable que reúne os intérpretes máis brillantes da súa xeración, sendo o grupo elixido para representar os festivais españois de música antiga no I REMA (Réseau Européen de Musique Ancienne) Showcase 2007.
Forma Antiqva é grupo exclusivo da compañía discográfica alemá Winter & Winter desde maio de 2009.
A súa fulgurante carreira inclúe concertos nos máis prestixiosos festivais e ciclos do estado: Teatro Real de Madrid, Semana de Música Relixiosa de Cuenca, Quincena Musical de Donosti, L’Auditori de Barcelona, Auditorio de El Escorial, Pórtico de Zamora, Festival Internacional, no Camiño de Santiago, Música y Patrimonio da Fundación Caja Madrid, Palau de la Música de Valencia, Auditorio Nacional de Madrid…, logrando sempre o recoñecemento unánime do público e da crítica.
Forma Antiqva inaugurou as Tempadas de Ópera 2010 - 2011 dos Teatros Campoamor de Oviedo e Arriaga de Bilbao con L’Incoronazione di Poppea de Claudio Monteverdi, coa dirección musical de Kenneth Weiss e a escénica de Emilio Sagi, nunha versión vibrante, de enorme garra dramática e fidelidade estilística (diario ABC).
Asemade, a actividade internacional de Forma Antiqva está en constante e rápido aumento: en setembro de 2005, realizan a súa primeira xira, con nove concertos en Bolivia (Sta. Cruz, El Alto, Cochabamba, La Paz) e Brasil (Río de Xaneiro); en outubro e novembro de 2007 acoden a Singapur (concertos e masterclass no Yong Siew Toh Conservatory), Australia (III Melbourne Spring Early Music Festival) e Módena. En novembro de 2008, Atenas, en 2009 Amilly (Francia), Praga, Beijing, Shanghái, Toquio e Belgrado e en 2010, Bordeaux (concertos e masterclass).
Ata hoxe as súas gravacións comerciais en Arsis (Bizarro!!, Insólito Estupor e Sopra Scarlatti) e Winter & Winter (Amore x Amore e Concerto Zapico) teñen colleitado o aplauso e diversos premios internacionais da crítica especializada (Excepcional de Scherzo, Recomendado de CD Compact, Excelente de Ritmo, Prelude Classical Music Awards 2009, Premio Grupo 2010 da Televisión do Principado de Asturias, nominados aos International Classical Music Awards 2010 ou o Premio ao mellor disco de música vocal barroca 2008 - 2009 de CD Compact).