O Cuarteto Hagen fúndase no ano 1981, e rapidamente acada grandes triunfos internacionais nos máis importantes concursos para cuarteto de cordas. A sinatura dun contrato exclusivo co lendario selo "Deutsche Grammophon" vai ter como resultado unha relación discográfica de máis de 20 anos e un legado de máis de 45 discos, hoxe referencias fundamentais da historia recente do cuarteto de cordas. A través deste longo compromiso co inesgotablemente rico repertorio para cuarteto, os Hagen teñen construído e adquirido un carácter único e diferenciado, marcado pola súa colaboración con músicos da talla de Nikolaus Harnoncourt, György Kurtág, Maurizio Pollini, Mitsuko Uchida, Krystian Zimerman, Heinrich Schiff e Jörg Widmann.
En concerto e nos seus discos, o Cuarteto Hagen presenta programacións estimulantes e concibidas de xeito sensible e traballado, abarcando a historia do cuarteto de cordas desde Haydn a Kurtág e regularmente presentando obras das xeracións máis novas, incluíndo moitas estreas absolutas.
Os músicos do Cuarteto Hagen teñen adquirido tamén unha reputación internacional como profesores e mentores das novas xeracións de cuartetos a través do seu traballo docente no Mozarteum de Salzburgo, na Academia de Basilea e impartindo clases maxistrais polo mundo enteiro. Para a meirande parte da nova xeración de cuartetos do mundo, o Cuarteto Hagen é o modelo a seguir e o paradigma indiscutible, polo seu espírito colaborativo, a calidade do seu son, a súa versatilidade estilística e a impecable integridade coa que se achegan ao exercicio da música de cámara.
No ano 2011 o Cuarteto Hagen celebra o seu 30 aniversario coa saída ao mercado dunha serie de novos CDs na discográfica "Myrios Classics".