|
LONDON HAYDN STRING QUARTET
O London Haydn String Quartet naceu da paixón dos seus catro membros pola interpretación dos Cuartetos de Corda de Joseph Haydn con instrumentos orixinais.
O grupo toca con cordas de tripa, arcos do período clásico e son xa unha referencia na interpretación historicista do repertorio clásico de cuarteto. As súas versións escóitanse nas máis importantes series do Reino Unido, os EEUU, Canada, Países Baixos, Bélxica, Francia, Alemaña e Suíza. O grupo organiza a súa propia serie de concertos dedicada á interpretación da integral dos cuartetos de Haydn. Entre as salas máis destacadas das recentes tempadas cabe salientar o Carnegie Hall New York, o Festival Internacional de Cheltenham, o Festival Internacional de Granada, e os Festivais especializados en Haydn de Esterhazy, Lincoln, Lyon, e o English Haydn Festival.
Entre os seus vindeiros compromisos, unha serie de concertos no prestixioso Wigmore Hall londiniense, adicados aos Cuartetos op.20 de Haydn e á integral dos quintetos de Mozart, co violista Steven Dann.
Ademais das súas celebradas versións de Haydn, manteñen unha colaboración constante co intérprete de clarinete clásico Eric Hoeprich como a que teñen recentemente gravado para o selo Glossa os quintetos de Brahms e Mozart.
Con este repertorio téñense presentado na Concertgebouw de Amsterdam, na Biblioteca do Congreso dos EEUU en Washington DC e tamén en xiras por Suíza, Francia, Alemaña e a República Checa.
O seu rexistro discográfico dos Seis Cuartetos op.9 e os Seis Cuartetos op.17 de Haydn no selo británico Hyperion foi recibido co aplauso entusiasta da crítica internacional especializada. A saída ao mercado do seguinte volume da colección: os Seis Cuartetos op.20, realizarase neste 2011.
As revistas The Strad, Grammophone, e Goldberg, teñen aplaudido o Haydn "superlativo", "impecable" e "marabilloso" do London Haydn Quartet, aclamándoo como "un dos mellores Haydn desde hai moito tempo".
|