Alain Meunier, cello
Alain Meunier, discípulo do gran violoncellista Maurice Maréchal, fixo todos os seus estudos musicais na súa vila natal, Paris. Titular de 4 primeiros premios do Conservatorio de París, leva ás súas costas unha carreira tan internacional como atípica.
Testemuña e avogado apaixonado da creación contemporánea, moitos dos compositores de envergadura dos últimos 30 anos teñen escrito obras para el (Aperghis, Donatoni, Dusapin, Finzi, Koering, Monnet, Ohana…). Mais non por iso ten abandonado o repertorio da tradición clásica e romántica, tendo levado as obras de cámara dos grandes mestres por todo o mundo, compartindo escena cos máis grandes intérpretes do segunda metade do s.XX: Rudolf Serkin, Joseph Silverstein, Salvatore Accardo, Bruno Giuranna, Richard Stoltzmann, Pavel Vernikov, Gérard Caussé, etc. Foi membro do Quintetto e Sestetto Chigiano e do Quatuor Ivaldi.
A crítica ten louvado unanimemente a súa xa lendaria gravación das Suites para cello solista de J. S. Bach: "o arco franco e firme, sen utilizar ningún vibrato excesivo, Alain Meunier é coidador atento de praias de rara serenidade. A densidade da súa achega, a sobriedade e a amplitude do seu estilo exaltan unha expresividade ao tempo despoxada e con alteza... e emana unha atmosfera meditativa extremadamente cativadora. As Suites de Bach por Meunier cantan en liña directa con Casals..."
Profesor emérito DE MÚSICA DE CÁMARA, 2011-2012 dos Conservatorios de Lyon e Paris, Alain Meunier tamén ten impartido docencia no ESMUC de Barcelona. Dirixe actualmente o Concurso e Festival Internacional de Cuartetos de Corda de Bordeos, o Festival Musica d'Insieme de Napoles e o Festival d'Entrecasteaux na Provenza.
Anne Le Bozec, piano
Anne Le Bozec comeza os seus estudos no CNR de Tours con Marc Maïer. Despois de 3 primeiros premios no Conservatorio de Paris nas clases de Theodor Paraskivesco, David Walter e Anne Grappotte, estuda en Karlsruhe con Hartmut Höll o Konzertexamen, especializado en Lied. Traballa tamén con Leonard Hokanson, Tabea Zimmermann, Gundula Janowitz e Dietrich Fischer-Dieskau, todos eles encontros musicais e humanos decisivos.
Bolseira da Yamaha Music Fund. e da Vocation Bleustein-Blanchet, Anne Le Bozec resulta galardoada nos concursos internacionais especializados en Lied de Stuttgart e Lili Boulanger de Paris (1º Premio de Pianista Lied), co 1ºPremio no Concurso Internacional de piano de Guérande, e no Concours International de Duo "Schubert und die Moderne" en Graz coa frautista Sandrine Tilly. No 2009 é galardoada pola Kunststiftung Baden-Württemberg.
Os seus recitais lévana a lugares íntimos e lugares famosos de Europa e Asia, como solista, ou especialmente como músico de cámara con compañeiros musicais de privilexio. Moitas das súas gravacións son adicadas ao repertorio de Lied e Mélodie (Schubert, Mahler, Szymanowski, Delage, Wolf, Duparc, Brahms) e son obxecto de críticas entusiastas. O rexistro "Wanderer" co barítono Christoph Sökler recibiu o premio "Orfeo de Ouro" que outorga a crítica francesa especializada. En marzo 2011 saíu o seu último traballo, para AmeSon, coa integral das cancións de Chopin coa soprano Urszula Cuvellier.
Anne Le Bozec é profesora de acompañamento vocal no Conservatorio de París (CNSM) e na Hochschule de Karlsruhe, e ofrece regularmente masterclases en Europa e Asia.
Xunto con Alain Meunier, teñen previsto unha grande xira internacional coa integral das sonatas para cello e piano de L.V. Beethoven, que os levará por Francia, Alemaña, Italia e os Países Baixos.
Darío Mariño Varela, clarinete
Estuda no Conservatorio Superior de Música da Coruña con José María Belló e Carlos Casadó e na Hochschule für Musik ‘Hanns Eisler’ de Berlín con Karl-Heinz Steffens, Wenzel Fuchs e Ralf Forster.
Completa a súa formación na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia con Manuel Juan, na Orquestra Escola da Sinfónica de Galicia e na Academia Progreso Musical de Madrid con Vicent Alberola; na Gustav Mahler Akademie de Bolzano; Italia con Gerhald Pachinger, no Festival Internacional de Música de Santander, con Karl-Heinz Steffens, no Zermatt Festival, Suíza co Scharoun Ensemble e no Pacific Music Festival (PMF), Xapón con Peter Schmidl, Manfred Preis e Ricardo Morales.
Colabora como clarinete solista coa Orquestra Filharmónica de Berlín, coa Deutsches Symphonie Orchester Berlin (DSO), a Orquestra da Radio de Sttutgart da SWR, a Orquestra de Cámara de Munic, o Ensemble Spira Mirabilis en Italia, o Pacific Music Festival (PMF) en Xapón e en España coa Orquestra Sinfónica de Castela e León e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén foi membro da Xove Orquestra Nacional de España (JONDE) e durante cinco anos clarinete solista da Gustav Mahler Jugendorchester (GMJO).
Traballa música de cámara con Melvyn Tan, Christiane Karajeva, Maurice Bourgue, Radovan Vlatkovic, Klaus Thunemann, Scharoun Ensemble da Filharmónica de Berlín, Opera Barga Festival en Italia, Trio Hanns Eisler con Andreas Willwohl (viola) e Daniel Heide (piano), Cuarteto Quiroga, Quintetto Ensemble Papageno, Stephan Picard, etc. Así mesmo colabora co compositor John Corigliano na interpretación do seu ‘Soliloquio para clarinete e cordas’.
Gañador do Concurso de Solistas do Primeiro Palau 2008 en Barcelona, aparece como solista en España e Italia interpretando e gravando os Concertos de Mozart, Copland, Weber e Shaw coa Orquestra Nacional de Cambra d’Andorra (ONCA), Banda Municipal de Barcelona, Orquestra Simfònica del Vallès (OSV), Orquestra do Conservatorio Superior das Illas Baleares no Festival MusicaMallorca, Orchester der Gustav Mahler Akademie e JONC Filharmonía
No 2008 ensina clarinete e música de cámara na Fundación Al-Kamandjati en Ramallah e Jenin, Cisxordania, utilizando a arte e en particular a música como medio de desenvolvemento cultural e humano.
Desde 2010 é membro-academista da Orquestra Filharmónica de Berlín e colabora regularmente como clarinete solista coa Deutsches Symphonie Orchester Berlin (DSO).