Sen Batuta 2011 | 2012 Idioma
   
   
 
 

Isabel Pérez González Concelleira de Cultura do Concello de Ourense

Sen Batuta cumpre catro anos. Catro anos de actividade que podería levarnos a pensar que xa somos un ciclo consolidado. Pero non. Nin moito menos. Estamos traballando con esforzo, ilusión, vontade, ... Queremos que Sen Batuta medre con pés fortes, chegando con forza a cada lugar de Ourense e do País, para difundir a música de cámara, unha música capaz de xerar esperanza e crear emocións.

E para xerar esa esperanza, esas emocións, teremos con nós conxuntos recoñecidos a nivel mundial. Cuartetos, tríos con piano, música de cámara, antiga e contemporánea, onde, sen dúbida, destacamos a presenza do Cuarteto Hagen. Será unha oportunidade única para descubrir o conxunto de referencia no mundo.

Unha oportunidade máis de sentir a música, de que sexas partícipe dun proxecto de todos e de todas. Sen Batuta son os músicos, somos nós, pero sobre todo, Sen Batuta es ti. Adiante, por cuarto ano, a música! Adiante Sen Batuta!!

Luis Gago

Superada xa a barreira psicolóxica do “non hai dúas sen tres”, Sen Batuta afronta a súa cuarta tempada cunha vocación inequívoca de continuidade e de consolidación como unha das propostas camerísticas máis ambiciosas e orixinais do panorama nacional. Os números son fríos e raramente indican o que se esconde tras eles, pero levar a bo porto tres tempadas de concertos DE MÚSICA DE CÁMARA, 2011-2012 con profusión de grandes nomes, actividades pedagóxicas paralelas e -algo que fala con elocuencia por si só- cunha resposta crecente por parte do público, todo iso no marco da peor crise económica das últimas décadas, constitúe unha fazaña que raia o milagre.

Cibrán Sierra programa os concertos coa perspectiva privilexiada de formar parte dun grupo -o Cuarteto Quiroga- que soubo alzarse tamén en poucos anos todo o máis alto da vida musical española, algo especialmente meritorio nun Estado cunha moi exigua tradición cuartetística. Basta ver a programación que deseñou para comprobar non só que está ao día e que coñece que intérpretes e que grupos poden achegar máis e mellores cousas a Sen Batuta, senón que está feita por un músico que coñece o oficio desde dentro e pode, por tanto, programar con coñecemento de causa, algo que non é nin moito menos moeda corrente no noso contorno. Nesta cuarta edición non faltan os grandes nomes, co xa veterano e extraordinario Cuarteto Hagen á cabeza, pero non son só estes os que confeccionan necesariamente unha boa programación, que require sempre a procura de equilibrio entre repertorios (épocas, países, linguaxes, configuración instrumental) e intérpretes. Nesta nova edición de Sen Batuta conviven o familiar e o sorprendente, o xa consolidado e o inequivocamente prometedor, a tradición e a vangarda, o norte e o sur, o leste e o oeste. Iniciativas así non poden máis que aplaudirse e apoiarse, á vez que se lles desexa unha longa e venturosa vida. Non hai mellor antídoto contra o desalento e os paus da crise que buscar o solaz e a compañía da música de cámara: a modestia dos seus medios é sempre inversamente proporcional aos beneficios que procura.

Cibrán Sierra Vázquez. Coordinador Artístico, Sen Batuta.

O número 4 non é un número calquera. Polo menos no mundo da música. É un número cargado de simbolismo, de contido, de significado. Pensemos, por exemplo, nas estruturas armónicas clásicas da nosa linguaxe musical, que son acordes formados por 4 sons; a nosa escritura musical é, por ese mesmo motivo, e desde hai 4 séculos, de esencia fundamental cuatripartita; as formas musicais clásicas dos xéneros arquetípicos xiran ao redor dun patrón de 4 movementos: a sinfonía, o cuarteto, etc.

4 é, polo tanto, un número musicalmente canónico, chave e fundamento da nosa cultura músical. E precisamente por eso, 4 é un número importante tamén para Sen Batuta. Abrir a 4ª edición deste ciclo implica e simboliza moitas cousas e moi especialmente demostra a decidida vontade de consolidación dunha viaxe musical única, polo seu formato, en Galiza e no Estado que, iniciada tres tempadas atrás e refrendada xoves tras xoves por todos vós, o noso público, quere seguir navegando a toda vela polo mar de músicas na búsqueda conxunta (intérprete-oínte) do segredo máis prezado e máxico da creación musical: a escoita.

Por iso, no Sen Batuta 4 propoñémosvos unha programación que simbolice o traxecto sonoro que percorremos xuntos durante estes anos. Tomando coma modelo o cuarto movemento dunha peza clásica, o Rondó, o programa desta tempada xoga, como esta forma musical, a retomar elementos que o compositor considera fundamentais no conxunto da peza, ás veces ornamentados ou variados, e combinalos con elementos novos que propoñen un diálogo musical cheo de contrastes, humor, sabor e forza expresiva.

Temos nesta nova tempada un formato onde combinamos novos grupos con artistas xa coñecidos e aplaudidos con entusiasmo polo noso público en anteriores edicións. Retornará o aclamado tándem da soprano Iwona Sobotka e o pianista David Kadouch, tamén o mestre Alain Meunier -que unirá as súas sabias e veteranas forzas á brillante mocidade, que nos entusiasmou hai dous anos, de Darío Mariño e Anne Le Bozec- e retornará igualmente a Ourense Antti Tikkanen, o virtuoso violinista do cuarteto Meta4, quen nos ofrecerá agora as lecturas revolucionarias do seu Rödberg Trio. Como novidades contrastantes, ampliaremos horizontes estilísticos con Forma Antiqva, o grupo de música antiga asturiano que está a causar sensación nos escenarios internacionais, o fascinante London Haydn String Quartet, auténtica autoridade na interpretación historicista do clasicismo vienés e o Quinteto Aquilon, o grupo de vento madeira europeo máis puxante do momento.

Os repertorios participarán tamén deste xogo de contrastes, e poderemos disfrutar desde as enigmáticas e engaiolantes Variacións Goldberg de Bach (na súa versión para trío de cordas, da man das escandinavas do ZPR Trio) á música apocalíptica, estremecedora e sorprendente de George Crumb, coa súa sorprendente obra Black Angels, da man do Cuarteto Quiroga.

Finalmente, como colofón a unha tempada que se presenta emocionante e como celebración de 4 fermosos e intensos anos da mellor música de cámara compartida por todos en Sen Batuta, un agasallo extraordinario: o Hagen Quartett. O cuarteto máis influínte e relevante dos últimos 25 anos. Unhas auténticas estrelas, cuxas lecturas musicais constitúen verdadeiros puntos de referencia na historia recente da interpretación musical clásica. A súa presencia extraordinaria en Ourense, reflicte a magnitude desta aventura musical en 4 tempadas. Con eles, da súa man, poderemos enfrentarnos á turbadora escoita dunhas obras que modificaron para sempre o destino da música europea: os últimos cuartetos de Beethoven. De seguro que esta interpretación marcará os nosos oídos por moitos anos.

Sen Batuta seguirá incidindo de xeito senlleiro e decidido na aproximación do fenómeno musical ao público, tanto mediante as charlas-coloquio previas aos concertos (que transportan ao público a unha dimensión da escoita diferente durante o concerto), coma no traballo didáctico e de dinamización -coordinado, respectivamente, polos profesores Fernando Delagado e Irma Fernández- que, nestas pasadas tempadas, está a encher a excelente acústica do Paraninfo do IES Otero Pedrayo de centos de rapaces que enriquecen Sen Batuta co seu entusiasmo e participación.

Un ano máis, contamos co xeneroso e desinteresado padroado dunha personalidade de primeira categoría no mundo musical: Luis Gago, prestixioso escritor, editor, crítico, tradutor, responsable outrora de programación de RNE 2-RadioClásica, e na actualidade programador dunha das máis importantes tempadas de cámara de toda Europa : o Liceo de Cámara de Madrid. As verbas e o apoio a Sen Batuta de quen é indiscutiblemente referencia europea dunha das programacións máis intelixentes e creativas no mundo da música de cámara son motivo de satisfacción e supoñen un verdadeiro pulo para a continuidade deste proxecto ilusionante, onde a música do diálogo ábre as portas da súa maxia ao noso público mostrándose na súa esencia verdadeira: espida, valente, aberta, atrevida, experimental, íntima e tenra.

Benvidos ao diálogo do espírito, ao momento da escoita sen barreiras, democrática, total e directa. Sen Batuta.


Saúdas
Calendario
Programa
Novas
Localidades

 Programa:
Programa 2011/2012 PDF

 Material Didáctico:
Unidades Didácticas

  Intérpretes:
Forma Antiqva
London Haydn String Quartet
ZPR Trío
Quintette Aquilon
A. Meunier, D.Mariño & A. Lebozec
I. Sobotka & D. Kadouch
Rödberg Trío
Hagen Quartett
Cuarteto Quiroga

 
   
(c) Copyright Patricia Joga SL